22/6/08

Arquitectura popular e Flickr

Foto: Manu gomi

Arquitectura tradicional galega é un grupo en Flickr que recolle máis de 1000 fotografías sobre o patrimonio arquitectónico tradicional galego. Algunha das fotos, como esta "Ribeira do Miño", teñen licenza CreativeCommons (algúns dereitos reservados).

25/5/08

En cal destas vilas che gustaría vivir?

Arquitectura popular

Actividades iniciais:
A partir das reflexións feitas na aula, deixa un comentario respondendo á pregunta do título: En cal destas vilas che gustaría vivir?. Razoa brevemente a túa resposta.

25/4/08

Preparando a nosa visita a Ferrol (II)


Ver o mapa máis grande


Sobre o mapa están sinalizados os edificios previamente estudados. Se facedes clic sobre as marcas, comprobaredes que hai moitos aos que lles falta a imaxe. Esas imaxes completarémolas despois da nosa visita coas que vós fagades. Como mínimo, cada grupo debe de fotografar o edificio ou edificios asignados. Procurade recoller aqueles detalles da construción que sexan especialmente significativos ou que vos chamen a atención.

Preparando a nosa visita a Ferrol


Visita ao Castelo de San Filipe

Os seus antecedentes históricos remóntanse ao século XVI.
Situado na bocana da ría de Ferrol, fronte ao castelo da Palma, formaba parte dun conxunto de fortificacións capaces de impedir a entrada na ría das flotas inimigas.
Os castelos de San Filipe, A Palma e San Martiño formaban un perigoso e insuperable triángulo de fogo e permitían ademais a colocación dunha cadea tendida entre o castelo de S. Filipe e de S. Martiño que chegado o caso podía facer naufragar as embarcacións que se internasen na ría.
San Filipe sufriu importantes reformas no século XVIII pensadas para rexeitar máis eficazmente non só os ataques por mar senón tamén os ataques por terra.

Percorrido polo barrio da Madalena.

Partindo da Praza de Amboaxe, onde orientaremos o noso plano, iniciaremos, por grupos, a visita do Ferrol racionalista.
Percorreremos as rúas principais, Real, Dolores, María, Sol e Madalena, comprobando así o seu trazado ortogonal.
Cada grupo dirixirase despois aos enderezos onde se localizan os edificios modernistas de Rodolfo Ucha que levamos estudados para contemplar e fotografar os seus alzados, os detalles ornamentais propios do modernismo (elementos vexetais e florais, galerías de madeira envidradas, decoracións xeométricas, rostros de muller…) e o uso dos novos materiais construtivos como o cemento, o ferro e o cristal.
Remataremos o paseo na Praza de Armas que xunto coa de Amboaxe ocupan os extremos laterais da cuadrícula regular que supón este barrio da Madalena.

Evolución da cidade de Ferrol.

  • Os topónimos urbanos testifican a existencia dun castro marítimo onde hoxe se estende o porto pesqueiro e deportivo.
  • A partir do século XI chegaron ata este porto boa parte dos peregrinos que procedían das illas Británicas e do norte de Europa que desde Ferrol iniciaban o Camiño Inglés ata Santiago de Compostela.Estes peregrinos contaban co Hospital do Espírito Santo que servía de aloxamento e apoio para os camiñantes.
  • Este Ferrol vello recoñécese polo seu trazado medieval que aínda perdura: rúas estreitas e irregulares e casas con galerías.
  • No século XVI as condicións do emprazamento estratéxico de Ferrol chaman a atención da Coroa española e do seu porto sairán parte das naves da Armada Invencible.
  • Será Filipe V, primeiro dos Borbóns, quen decide converter a cidade en capital do Departamento Militar do Norte (1726) e situar aquí os estaleiros reais.
  • En 1761 Carlos III aproba o plano da Magdalena, un dos exemplos máis singulares da arquitectura racionalista do XVIII, creado para acoller as vivendas dos oficiais e técnicos que traballaban nos estaleiros reais.
  • Estas construcións atraerán tamén unha grande cantidade de man de obra que comezará a vivir en Esteiro, proxecto cuadriculado do primeiro barrio obreiro de Galicia. Hoxe derrubado, só quedan algúns vestixios como a Casa do Patín, convertida en biblioteca e o antigo Hospital de Mariña que se rehabilitou como actual Campus Universitario da cidade.

15/4/08

Que casa che gusta máis?

Arquitectura popular

Actividades iniciais:
Indica nos comentarios a esta entrada cal destas catro casas é a que máis che gusta.

11/4/08

O grupo lendo




Ligazóns de interese:
Miguel Anxo Prado
A mansión dos Pampín en pdf

10/4/08

A mansión dos Pampín

9/4/08

Presentación

No ánimo de contribuír a que os cidadáns perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos da nosa cultura, en xaneiro de 2000 o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia puxo en marcha o que posiblemente sexa o seu máis ambicioso proxecto cultural: o proxectoterra. Partindo do convencemento de que este obxectivo nunca se logrará acadar se non conseguimos que o feito arquitectónico e territorial adquira unha sólida presenza no ámbito da educación, o proxectoterra é un proxecto de intervención educativa dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria co fin de contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial. Esta é a aportación que o noso colectivo e as entidades colaboradoras no proxecto poñen a disposición da comunidade educativa esperando que sexa un instrumento que axude a acadar os obxectivos que sobre arquitectura e territorio xa se contemplan na actualidade nas distintas etapas da Educación Obrigatoria.